Historia

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO: UNHA FESTA MÁXICO-RELIXIOSA

       
A máis famosa das Rapas celébrase todos os veráns no pobo de Sabucedo (A Estrada). Consta de tres aldeas: Sabucedo, a Devesa, e a Barbeira, cun total de 50 habitantes que chegan a se duplicar as fins de semana.
Aínda que nun principio pareza unha festa de carácter profano, todo indica que está moi vinculada coa Igrexa.
Que existan petroglifos nos montes de Sabucedo con figuras de homes loitando con cabalos, tal e coma se fai agora, mil anos anteriores o nacemento de Xesús e un feito que proba que a orixe da Rapa non ten a menor relación co cristianismo, pero xa se sabe que tratándose de estes asuntos de maxia e relixión, as probas e os feitos non teñen a menor relevancia fronte a tradición e a "educación relixiosa". Xa o nome de Sabucedo participa desta característica.
A etimoloxía identifica o nome con “sabucus” ou “sambucos”, procedente do  latín, que significa “sabugueiro”, planta de virtudes curativas e que era mirada coma unha árbore bendita. É de supoñer que as tisanas de sabugueiro teñen a mesma efectividade con ou sen bendición do cura, e como en Xudea non se da moi ben esta árbore amiga da auga, a cousa debe vir xa de antes

Non se sabe con certeza cando o pobo de Sabucedo comezou a realacionarse coas bestas. Nos petroglifos da Terra de Montes dos séculos XVIII-VIII a. C. hai gravados nos que aparecen cabalos, moitos con xinetes tratando de dominar o animal, e aínda que, como acabamos de comentar, se pensa que pode haber unha "certa relación", a xente do lugar cunha lóxica moi católica, segue mantendo a orixe da Rapa nunha lenda oral, que situa a sua orixe en tempos moitísimo mais modernos que a sua probable orixe real, que que di que houbo unha peste que devastou a bisbarra. Ante esta situación dúas irmás da aldea ofrecéronlle a San Lourenzo dúas bestas se as defendía do mal, e así foi. Mentres durou a peste as dúas irmás refuxiáronse nunha cabana afastada da aldea, e pasando a mesma doáronlle as bestas á Igrexa. A pesar de non haber datos escritos ó respecto que verifiquen a certeza da tradición oral, consérvanse topónimos coma “O coto da Cabana”, a “Caraballeira das Vellas”, “Fonte das Vellas”… e atopáronse escritos sobre unha peste bubónica na zona que tivo lugar no século XVI. De todos os xeitos os primeiros datos escritos sobre a festa da Rapa (na forma que hoxe ten) son do ano 1682. Esta lenda volve vincular o acto coa Igrexa, ou a Igrexa co "acto".
A Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada recentemente de Interese Turístico Internacional, segue a tradición dos antergos ó longo dos séculos. O único que mudou dende entón foi a data de celebración. Antigamente facíase no día de Pentecostés, e pode que houbera dúas baixas. Hoxe en día celébrase no verán.
Comeza a festa a madrugada do primeiro sábado de xullo con foguetes a cachón que chaman a xente á misa ou eucaristía da alborada, na que se pide a protección de San Lourenzo para todos os actos que conleva a festa.
Despois de oír a misa os mozos de Sabucedo e outros mozos das parroquias veciñas, así coma numerosos “curiosos da capital”, encamíñanse cara ó monte con cadanseu pau de moca (vara de madeira de carballo que acaba nunha verruga e serve de apoio ou para espantar as bestas) coa fin de xuntar as greas que andan espalladas polos montes de Quireza, Souto, Cuntis, Campo Lameiro… Cada grupo de xente reúne as greas que pode e logo xúntanas no Peón, antes de baixar para a aldea.
Hoxe en día hai no monte animais particulares e animais do “Santo”, que se diferenzan dos demais por teren as dúas orellas cortadas ou fanadas, o que significa algo así coma que os animais son sagrados. Vólvese á relación festa da Rapa-Igrexa. E o mesmo ocorre co feito de que non poida haber máis garañóns, cabalos xefes, que os do Santo.
Polo mediodía, despois de comer o bocadillo e botar un groliño de viño, procédese á Baixa. Os cabalos, dirixidos polos mozos, non tan mozos, e rapaces trotan a paso lixeiro polas subidas e baixadas que os han de levar ata Sabucedo, onde descansarán en Cataroi, un terreo por riba da vila onde poden beber, alimentarse e coller forzas  para soportar con valentía a loita que poucas horas despois manterán cos mozos de Sabucedo.
Este ano o labor da Baixa vaise levar a cabo no venres, en vez do sábado, coa fin de que os animais  poidan descansar un pouco máis e non se estresen tanto.
A primeira Rapa ten lugar o sábado pola tarde, nun curro de pedra semicircular de recente creación (antes o curro estaba a carón da Igrexa, outro sinal do vencellamento de Festa-Igrexa).
O feito da Rapa non é só cortar as crinas, senón tamén a previa aloita corpo a corpo (home-besta) e a inmobilización do animal. O acto da rapa, que antes máis ca divertir tiña coma fin vender as serdas, comeza co acurramento dunha parte das bestas. Os nenos separarán os potros  (bichiños) para que estes non sexan mancados polos grandes e irse así iniciando na actividade.  Seguidamente os aloitadores (nos últimos anos tamén algunhas aloitadoras) collen un cabalo (diríxense especialmente ás bestas do Santo: aspecto simbólico-relixioso) e loitan con el corpo a corpo, sen máis aparellos cá súa forza. Esta forma de loitar herdouse de xeración en xeración: dous aloitadores van á cabeza e un ó rabo. Un dos que vai á cabeza debe ser o que salta enriba da besta e cabalga sobre ela. Pouco despois, o segundo da cabeza acode na súa axuda. Cando este chega e se engancha nas crinas dianteiras, o que está subido no équido debe baixar do animal. Ó mesmo tempo o aloitador que vaia ó rabo debe facer unha serie de movementos para intentar desequilibrar a besta.
Este ritual repetirase o domingo pola mañá (día de máis afluencia de xente) e o luns, día no que tamén se procede á marca dos potros, é dicir, á corta das orellas, para así, coas orellas fanadas, quedar “consagrado” e pasar a pertencer á eguada do Santo.
Cara ó mediodía as bestas iniciarán a súa viaxe cara ó alto do monte. “Cada cabalo griñón reagrupará, rinchando, de novo a súa grea e deste xeito a eguada de San Lourenzo de Sabucedo esperará un ano máis a ritual visita ó seu pobo, ó pobo desas xentes de Sabucedo que durante séculos tiveron e seguen tendo a teima de defender contra homes, lobos e lume as súas bestas”.

(more...)